top of page

Benvida

Benvida

Benvidas e benvidos ao espazo web do Conservatorio Superior de Música de Vigo

En outubro de 1956 iniciaba a súa andaina o Conservatorio de Vigo. Daqueles modestos comezos no centro da cidade ata a actualidade, a música converteuse en presenza constante, proxectándose desde as ladeiras do Castro e enchendo de vida este edificio singular, hoxe referente cultural e académico.

A historia do Conservatorio Superior de Música de Vigo é tamén a historia dunha cidade dinámica e chea de vitalidade. Vigo, urbe de enerxía, diversidade e movemento, acolleu desde os seus inicios este proxecto que foi medrando coa propia cidade. Daquel reducido cadro inicial de profesorado ata o actual centro de ensinanza superior, con 78 docentes especializados e arredor de 330 estudantes de Galicia, España, Europa e América, o Conservatorio consolidouse como un dos eixos fundamentais da vida cultural viguesa. A súa contribución, tanto no ensino como na produción artística, resulta xa inseparable da identidade da cidade.

Nun mundo cada vez máis interconectado, o Conservatorio, ao igual que Vigo, debe ocupar un lugar claramente recoñecible, sustentado na excelencia e na calidade do ensino. Esa é a nosa misión e a nosa seña de identidade.

Vivimos tempos de transformación constante. A adaptación a estes cambios é chave para definir o futuro do noso centro, das nosas ensinanzas e da visión da Música que queremos proxectar cara ás vindeiras décadas.

No ámbito internacional, o Conservatorio Superior de Música de Vigo é hoxe o centro de ensinanza superior musical de España con maior proxección europea. Así o avalan os programas de mobilidade desenvolvidos nos últimos anos, recoñecidos polo SEPIE como boas prácticas no marco Erasmus+. O nome do noso Conservatorio está presente en institucións de prestixio en Belgrado, Sarajevo, Kyiv, Kharkiv, China, Almaty, Camboxa ou Tailandia, e recibimos profesorado visitante de Italia, Austria, Alemaña, Países Baixos, Polonia e doutros países europeos. Esta realidade convídanos a reforzar a nosa apertura internacional como un dos piares fundamentais da nosa identidade.

No curso 2023/2024, o CSM de Vigo deu un novo paso histórico coa posta en marcha do primeiro Máster en Ensinanzas Artísticas Superiores da Comunidade Autónoma de Galicia, consolidando a súa posición de vangarda no ensino musical.

Este camiño só é posible grazas á colaboración das institucións que nos apoian e dos centros cos que compartimos un mesmo espazo educativo. O Conservatorio non pertence unicamente ao seu profesorado, alumnado ou persoal; é un proxecto común, aberto e integrador, que se pon ao servizo da sociedade.

 

Reciban un cordial saúdo,
Esteban Valverde
Director

  • images
  • facebook
  • twitter
  • youtube
  • instagram

CSMVigo

bottom of page